Viaxa virtualmente polas novas exposicións na Galería Gloria Helmound

Pontevedra
09 de abril 2013

A artista pontevedresa colaboradora de PontevedraViva, Marta Cerviño, invítanos a percorrer a galería virtual de Gloria Heldmound, onde ela expón obras dunha das súas coleccións. Resulta un interesante viaxe museístico con agradables sorpresas

A Galería virtual Gloria Heldmound fai seis meses e neste período de tempo pasaron polo espazo máis dunha trintena de artistas. Este proxecto inaugurouse o pasado 22 de setembro de 2012 simultaneamente en diferentes cidades de Europa, entre as que se atopaban Xixón, Langreo, Pontevedra, Vigo, Belfast, Berlín e Zaragoza. Nestes lugares celebráronse festas de inauguración comunicadas por videoconferencia para festexar a apertura deste espazo expositivo unicamente virtual.

Ata o 21 de xuño atoparedes en cada unha das súas salas distintas exposicións.

Aquí déixovos un plano para non perderos pola galería.

Ides sentirvos como en casa!

 E a continuación unha breve descripción do que os atoparedes:

Caos-Orde

Unha exposición temática e transdisciplinar na que se indaga arredor da teoría do caos.

Artistas: Ora Kolmanovsky, Véronique Hubert, Sergi Quiñonero, Jean-Michel Rolland, Beatriz Vaca, Tamara Norniella + AXIAL + Mind Revolution

Comisariado: Jaime Rodríguez       

Texturas Sonoras

Texturas sonoras propón ao visitante un percorrido onde a vista e o oído nos farán tomar outra perspectiva de seis realidades diferentes. Empregando para este propósito o amplo espectro de frecuencias das que o son está composto e que o noso cerebro non é capaz de procesar.

Artista: Alberto Valverde

Comisariado: María Castellanos

               

              

Habitar Identidades

Habitar identidades é un proxecto aberto, en construción, en constante cambio para repensar o que significa. Aquí reúnense as obras de catro artistas que traballan dende posicións diferentes a idea da identidade: como habitamos unha identidade e esta habítanos a nós, acompáñanos e transfórmase a medida que evolucionamos e cambiamos.

Artistas: Rocío Pinín, Elisa Torreira, Florence Babín, Diego Rambova.

Comisariado: Semíramis González

        

                

Artistas nos espazos de tránsito

Helena Toraño amosa tres debuxos no Hall da galería.

 

Uh513 instalan a súa peza interactiva Clorofila 3.0 no almacén de Gloria Heldmound.

 

Teño o pracer de expoñer no corredoiro principal con varias fotografías da serie Conociendo a un extraño na que o propio e o alleo serven para descubrir a nosa propia consciencia.

     

 

E por último, o Muro é unha proposta para amosar iniciativas relacionadas co mundo da arte e a creatividade en formato cartel. Púxose en marcha coincidindo co terceiro trimestre expositivo da galería, que se iniciou o pasado 22 de marzo de 2013.

Os carteis están vencellados a unha dirección de internet e ofrecen a posibilidade de renovar a imaxe cada tres meses, coincidindo coas inauguracións da galería.

Se queres estar ao día de todas as súas novidades suscríbete ao seu newsletter.

O bo de Gloria Helmound é que podes visitala a calquera hora e sen moverte da túa casa.

Un bo plan para este tempo de café e manta.

 

Fotografías con copyright de la Galería Gloria Helmound

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora