VÍDEO.- A incrible transformación dun muro xunto ao Gafos cun graffiti colaborativo

Pontevedra
04 de agosto 2021

Percorrido a cámara rápida pola actuación que a rapazada do 'Obradoiro de graffiti no Gafos' do Concello de Pontevedra realizou nun muro degradado na contorna do río Gafos, coordinados polo artista O´Ras e a iniciativa do colectivo ecoloxista Vaipolorío

Graffiti colaborativo na contorna do río Gafos / Asociación Vaipolorío

O alumnado do 'Obradoiro de graffiti no Gafos', unha actividade do programa Ponteverán organizado polo Concello de Pontevedra, subiuse á estada para recuperar un muro deteriorado na contorna do río Gafos.

A idea e elección do lugar foron iniciativa da asociación Vaipolorío, quen tamén achegou información sobre a denominación do Gafos neste punto: Menexo, a palabra que loce destacada nesta actuación artística localizada na traseira dunha vivenda da avenida María Vitoria Moreno.

Por segundo ano consecutivo, o artista O´Ras coordinaba este grupo de rapaces no deseño e elaboración do graffiti, que o propio graffiteiro completou coas imaxes máis realistas nos laterais da obra e que fan referencia ás xentes e oficios tradicionais que se desenvolvían nesta zona.

No vídeo móstranse varios momentos desta actuación, desde o muro degradado ata o impresionante resultado final.