Arranca "Vilagarcía, Cidade de Libro" coa "solta" de 450 publicacións por distintos lugares do municipio

O Salnés
08 de xuño 2026

Yolanda Castaño, Branca Trigo e Mario Obrero abren este martes o ciclo de "Conversas ao solpor". Ángela Banzas, presentará "Cuando el viento hable" e homenaxearán a Méndez Ferrín e Begoña Caamaño

Libros
Libros

A programación de Vilagarcía, Cidade de Libro comezou xa este luns cunha iniciativa destinada a fomentar a lectura entre a veciñanza. Un total de 450 libros de temáticas moi diversas foron distribuídos por distintos puntos do municipio nunha singular "solta de libros".

Cada exemplar inclúe un código QR na contraportada que permite acceder á chamada Gruta dos Libros Esquecidos. As persoas participantes deberán responder a unha serie de preguntas e poderán optar ao sorteo de cinco visitas familiares á illa de Cortegada.

A actividade, organizada coa colaboración de Arousa Moza, permanecerá activa ata o próximo 30 de novembro, convertendo a lectura nunha aventura que vai máis alá das páxinas dos libros.

A literatura como ferramenta para transformar a sociedade será un dos grandes temas da xornada deste martes en Vilagarcía de Arousa dentro da programación de Vilagarcía, Cidade de Libro. Tres voces destacadas da poesía actual, Yolanda Castaño, Branca Trigo e Mario Obrero, protagonizarán a primeira edición das Conversas ao Solpor, unha cita que terá lugar ás 20.30 horas no escenario principal do parque Miguel Hernández.

Baixo o título "A literatura, instrumento de cambio social? Que obriga ética hai na palabra poética", os tres autores reflexionarán sobre o papel da creación literaria nun mundo marcado polos desafíos sociais e culturais, así como sobre a responsabilidade que pode asumir a poesía á hora de dar voz a determinadas realidades.

A programación da tarde arrancará ás 18.30 horas coa presentación da novela Cuando el viento hable, da escritora Ángela Banzas, finalista da última edición do Premio Planeta. Ambientada en Santiago de Compostela, a obra mergúllase nos segredos, silencios e historias ocultas que permanecen agochadas baixo a superficie da vida cotiá. A autora abordará nun encontro co público como a literatura pode converterse nun espazo para revelar o que non se di e contribuír á construción da memoria colectiva.

A continuación, ás 19.30 horas, desenvolverase un acto de homenaxe a Xosé Luís Méndez Ferrín e a Begoña Caamaño baixo o epígrafe "Voces que fenden o silencio", o mesmo que acompaña a presentación de Banzas. O encontro servirá para conmemorar o cincuenta aniversario da publicación de Con pólvora e magnolias, unha das obras máis influentes da literatura galega contemporánea, e para lembrar a figura de Caamaño, á que se dedica nesta edición o Día das Letras Galegas. A actividade está organizada pola Mesa das Verbas.

Os máis novos tamén terán protagonismo durante a xornada con diversas propostas arredor da figura dos "argonautas literarios". Entre elas destaca un obradoiro de poesía para a infancia impartido por Yolanda Castaño, ademais das presentacións do poemario Tequio y Zomalli, coa participación de Vera Eikon e Augusto Metztli, e do proxecto Libro para (a)bordar a paz.