Vinte estudantes de Belas Artes levan a súa experiencia persoal á exposición "Que culpa ten a arte?"

Pontevedra
16 de abril 2026

En conxunto, "Que culpa ten a arte?" ofrece unha mirada fresca e plural sobre o papel da arte contemporánea e a súa conexión coa vida persoal de quen a produce

Presentación da mostra "Que culpa ten a arte?" Universidade de Vigo

A Facultade de Belas Artes acolle desde unha nova proposta expositiva impulsada polo alumnado do Máster en Creación Artística Contemporánea.

Baixo o título 'Que culpa ten a arte?', a mostra reúne as creacións de vinte estudantes que atoparon nesta pregunta, lanzada polo profesor Juan Carlos Román, o punto de partida dun proxecto colectivo con identidade propia.

A exposición, organizada integramente polo propio alumnado, xira arredor da imposibilidade de separar a obra do artista e este da súa propia experiencia vital.

As pezas expostas comparten un fío condutor centrado na expresión das vivencias persoais e na súa tradución ao ámbito artístico.

A mostra poderá visitarse ata o 22 de abril na Sala O Abrigo.

A través de linguaxes e formatos diversos, o proxecto afonda na tendencia actual de interpretar a realidade desde o emocional e o identitario.

Segundo explican as persoas participantes, non se trata de limitar a lectura das pezas ao biográfico, senón de explorar a tensión entre a creación artística e a súa dimensión autorreferencial, incorporando conceptos como territorio, identidade ou afecto.

Pero a exposición constitúe tamén unha parte esencial do proceso formativo do alumnado. No marco da materia Estudos Abertos II, coordinada por Román, os estudantes asumiron todas as fases da organización.

Divididos en grupos, encargáronse do comisariado, do deseño gráfico e da comunicación, o que lles permitiu experimentar de primeira man o funcionamento real dun proxecto expositivo.

Como complemento, o martes 21 de abril desenvolveranse tres talleres abertos ao público, que requiren inscrición previa.

A primeira proposta, pola mañá, consistirá nunha visita guiada orientada a fomentar a reflexión compartida entre obra e espectador.

Xa pola tarde, haberá un taller centrado na cartografía entendida como espazo simbólico e outro dedicado ao bosquexo como ferramenta de investigación artística, nos que se convidará ás persoas participantes a explorar creativamente diferentes formas de interpretar unha mesma idea.

Presentación da mostra "Que culpa ten a arte?"    Universidade de Vigo

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora