A actriz Verónica Forqué foi este domingo a encargada de estrear a nova tempada de teatro en Afundación. Fíxoo dando vida a Margarita, unha muller de case sesenta anos e nai solteira dunha moza discapacitada de corenta, que só gozaba xa dos bos momentos que pasa no bingo coas súas amigas, pero acababa de ser despedida e non sabía se vai poder continuar co seu hobby.
O que non esperaba ela nin os espectadores que acudiron ao auditorio pontevedrés era que a vida pode cambiar nun segundo e a ela esperábanlle moitos cambios.
A recoñecida actriz foi a protagonista da obra Buena gente de David Lindsay-Abaire, dirixida por David Serrano e na que lle acompañaron sobre o escenario Juan Fernández, Pilar Castro e Diego París, entre outros.
Gañador dun premio Tony, este drama costumista adaptado por David Serrano, un dos directores máis importantes da escena nacional, deixou boa crítica entre os espectadores pontevedreses, que se sorprenderon como Margarita cando apareceu na súa vida Raúl, o amor da súa adolescencia e cunha vida moito máis desafogada que a súa.
A próxima cita da tempada será o 16 de marzo con Tricicle, que presentará a súa última proposta escénica, Bits, coa habitual participación dos seus tres integrantes, Carles Sans, Joan Gràcia e Paco Mir. A entradas están á venda en Ataquilla.com.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.