Windermere Club e El hijo de la novia, únicas citas de teatro en Afundación ata decembro

Pontevedra
02 de setembro 2015

Formarán parte do aboamento desta nova tempada que, xunto coas entradas soltas, están á venda dende este mércores. Ambas as dúas funcións terán lugar no Auditorio Sede Afundación, na rúa Augusto González Besada

Elenco actoral da obra de teatro "El hijo de la novia"
Elenco actoral da obra de teatro "El hijo de la novia"

Dúas únicas obras de teatro ofertará Afundación en Pontevedra para os próximos meses. Trátase de Windermere Club (13 de novembro) e El hijo de la novia (16 de decembro), que formarán parte do aboamento desta nova tempada que, xunto coas entradas soltas, están á venda dende este mércores. Ambas as dúas funcións terán lugar no Auditorio Sede Afundación, na rúa Augusto González Besada.

Windermere Club, baseada nunha das obras máis coñecidas de Oscar Wilde, cóntanos a historia da señora Windermere, unha muller que descobre que o seu marido pode estar a manter unha relación con outra muller. Enfróntase a el, pero este nega as acusacións e invita á súa amante ao seu baile de aniversario.

Ultraxada pola infidelidade do seu marido, decide abandonalo para seguir outro home, un amigo que acaba de confesarlle o seu amor. Tras descubrir o sucedido, a amante do señor Windermere trata de convencela para que volva co seu marido e chega mesmo a sacrificar a súa reputación para salvar o matrimonio.

Esta versión, que corre a cargo de Carlos Rubio baixo a dirección de Gabriel Olivares e a interpretación de Natalia Millán, Teresa Hurtado e Javier Martín, entre outros, fala do medo á difamación e da importancia da imaxe que o resto da sociedade pode ter de nós, un tema que segue de plena actualidade a día de hoxe, máis dun século despois da súa estrea.

Pola súa banda, El hijo de la novia é unha adaptación de Garbi Losada e José Antonio Vitoria da película de Fernando Castets e Juan José Campanella, que conta a historia de Rafael, un home inmerso nunha terrible crise económica e de valores, que dedica 24 horas ao día a sacar adiante o restaurante fundado polo seu pai.

Incapaz de conectar coa xente e atordado polas súas circunstancias persoais, a vida de Rafael dá un xiro total a partir dunha serie de acontecementos inesperados, que acabarán sendo o impulso definitivo que o obriga a reformular a súa vida e a ordenar as súas prioridades.

Entre o elenco destacan Juanjo Artero, Tina Sainz, Álvaro de Luna, Mikel Laskurain e Dorleta Urretabizkaia.

A compra de aboamentos e entradas poden realizarse a través das canles habituais de venda de Afundación en ataquilla.com e no teléfono 902 504 500.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora