Xerardo Torrado Agulla: "A disciplina romana convertía a película "A chaqueta metálica" de Kubrick nun campamento infantil"

Pontevedra
10 de febreiro 2025

O historiador pontevedrés presentou o seu documentado traballo no Museo de Pontevedra, acompañado polo arqueólogo Mateo Fontán.

Xerardo Torrado Agulla presenta 'Ejército romano', acompañado por Mateo Fontán
Xerardo Torrado Agulla presenta 'Ejército romano', acompañado por Mateo Fontán / Mónica Patxot

O libro 'Ejército romano', do historiador pontevedrés Xerardo Torrado Agulla, presentouse no Museo de Pontevedra onde o autor estivo acompañado polo arqueólogo Mateo Fontán. Este traballo configúrase como unha obra que se adentra na evolución do exército romano analizando de forma rigorosa a súa organización e armamento, tanto en aspectos ofensivos como defensivos.

Nas súas páxinas explóranse detalles fundamentais, como a cadea de mando, a transmisión de órdes a través de sinais acústicos e visuais, así como a orde que imperaba durante a marcha e o curso das batallas.

Licenciado en Historia con itinerarios en Historia Antiga, Historia Medieval e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela –e cun Diploma de estudos avanzados en Historia Antiga pola mesma institución–, Xerardo Torrado Agulla tamén cursou o CAP na Universidade de Vigo para a docencia secundaria. Con unha prolífica produción de artigos en revistas dixitais e físicas, as súas investigacións abarcan temas como a epistemoloxía e a aplicación do psicoanálise ao coñecemento histórico.

Xerardo Torrado Agulla é colaborador de PontevedraViva  e ofrece nesta entrevista unha interesante análise sobre o exército romano:

Como historiador, que foi o que o motivou a escribir este libro centrado no exército romano?

A miña especialidade é a historia antiga, e nesa disciplina este ano defenderei a tese.

O mundo romano é algo que me atrae dende os 7 ou 8 anos; e creo que o exército ten unhas posibilidades editoriais meirandes que outro aspecto da cultura da Roma antiga, é un tema con moitos amantes, incluso fóra dos especialistas en historia antiga. Atrae moito, e eu non son unha excepción.

Se puidese elixir unha lección que sacar da organización e historia do exército romano, cal sería?

Hai moitas chaves para entender o éxito do exército romano, como a xenial loxística, pero creo que os que máis pesan son a gran mobilidade (era moi rápido, o viario romano tivo, como orixinal uso, o transporte de tropas); a adaptabilidade das armas que coñecían noutras culturas e o perfeccionamento das mesmas; a adaptación ao terreo por medio de subdivisións dos efectivos e un incrible capital humano ou Manpower, que permitía que o exército se recuperara despois de cada derrota.

Presentación de 'Ejército Romano' no Museo
Presentación de 'Ejército Romano' no MuseoMónica Patxot

Cales foron as principais innovacións que o fixeron tan eficaz?

O que aportaron á táctica militar podémolo apreciar comparándoo con outro dos grandes exércitos da antigüidade: a falanxe macedonia. O exército romano ten unha gran plasticidade fronte á rixidez da falanxe; as armas romanas venceron as falanxes macedonias en batallas como Cinoscéfalos ou Pidna. Esa plasticidade é a gran innovación.

O exército romano pasou por moitas fases de evolución, como se transformou ao longo dos séculos, desde a Monarquía, pasando pola República, ata o Imperio? Hai diferencias importantes en cada unha destas formas políticas de goberno?

O gran reformador da Roma arcaica foi Servio Tulio (6o rei) e logo Marco Furio Camilo. O exército clásico, o que usou César nas súas conquistas, é a resposta ás reformas feitas por Caio Mario a finais do século II a.C. O exército de Mario é o propio da tardorrepública e do altoimperio.

A mesma organización militar ocupou estes dous períodos: tardorrepública e altoimperio. A permanencia dun exército, se é boa, supera realidades políticas.

Público na presentación de 'Ejército romano'
Público na presentación de 'Ejército romano'Mónica Patxot

Que papel xogaba o exército romano no proceso de romanización, xunto coa extensión e mantemento do Imperio romano?

Cada soldado levaba no seu petate, ademais de armas e bens para o seu abastecemento, as súas ideas, as súas crenzas relixiosas, o seu xeito de vida. De feito, as veces é relevante o papel do exército na expansión do cristianismo ou o mitraísmo, outra relixión de carácter mistérico.

Os primeiros en imitalos eran as élites das poboacións locais. Querían vestir como romanos, comer como romanos, beber (viño) como romanos.

Como era a estrutura de mando do exército romano?

Sufriu evolucións ao longo do tempo. En tempos da república eran os cónsules, o que as veces traía problemas, xa que se turnaban no mando, as veces, por desavenencias, un pretendía perxudicar o outro, e as veces non eran grandes xenerais, xa que a súa elección como cónsul non o garantizaba.

Co imperio a cousa cambia, e, aínda que as veces o mando caía en membros da familia imperial, había unha meirande profesionalización.

Mateo Fontán e Xerardo Torrado Agulla
Mateo Fontán e Xerardo Torrado AgullaMónica Patxot

Sábese como era a vida cotidiana dun soldado fóra das batallas? Que tipo de rutinas seguían de preparación?

As fontes, tanto literarias como arqueolóxicas e epigráficas, apórtannos moita información da vida cotiá do soldado romano cando non estaba "batalleando", por exemplo, nun campamento no cal invernaba. As tabletas de Vindolanda (Inglaterra), un forte romano, son unhas planchas escritas que nos aportan moita desta información.

A escavación dos campamentos romanos é unha enorme fonte de coñecemento; nalgúns casos tiñan incluso teatros. Unha rutina de entrenamento era longas marchas portando, as veces, 30 kilos, de feito, ós membros do exército de Caio Mario eran chamados "as mulas de Mario".

Como se xestionaban os premios e castigos no exército romano? Podería dar algún exemplo dalgunha situación?

Tal como hoxe, no exército romano había condecoracións, como as phalerae ou os torques e diferentes coroas. A disciplina era férrea, os centurións, espina dorsal do exército, levaban unha vitis, unha vara coa que aplicaban esta disciplina.

En Tácito lemos sobre un centurión que era chamado "cedo alteram" (darme outro), que pedía outra vitis para seguir impartindo xustiza tras rompela, aplicando eses castigos. A disciplina romana convertía a película "A chaqueta metálica" de Stanley Kubrick nun campamento infantil de verán.

Cales eran as tácticas máis utilizadas polas tropas romanas?

A inmensa mobilidade do exército romano lle permitía adotar múltiples tácticas, que eran transmitidas durante a batalla por medio de ordes comunicadas por sinais acústicos ou visuais. Estes cambios tácticos respostaban á propia evolución da batalla.

Unha das tácticas na antigüidade clásica era a do "martelo e o iunque", onde unha formación, de infantería máis pesada, facía de iunque, mentres que outra, con máis mobilidade, facía de martelo. Pero se a situación o esixía, trocaban de táctica, tiñan un amplo repertorio e dependía da capacidade do seu xeneral e do bo entrenamento das tropas cunha boa cadea de mandos.

Documentan que a formación "testudo", tamén coñecida como "tartaruga", é unha das tácticas máis famosas do exército romano, en que consistía e en que situacións era máis eficaz?

Era moi eficaz cando o perigo viña dende arriba, por exemplo, cando arroxaban proxectís dende o adarve dunha muralla dunha cidade á cal estaban asediando. Adico un capítulo do libro á poliorcética, a arte de tomar cidades.

Mateo Fontán e Xerardo Torrado Agulla lendo 'Ejército romano'
Mateo Fontán e Xerardo Torrado Agulla lendo 'Ejército romano'Mónica Patxot

No seu libro menciona que o exército romano utilizaba sinais acústicos e visuais para transmitir ordes, pode dar un exemplo dalgunha delas? Cales eran as máis populares?

Como sinais visuais, o máis característico era o estandarte (vexillum). O propio penacho do casco, cruzado de xeito transversal que portaba o centurión, tamén era un sinal visual – había que seguir ó centurión – e aquel penacho facíao moi chamativo.

En canto ás acústicas, os tubicem eran uns músicos que sopraban nas tubas. Entre grupos de tropas de menor entidade, como unha centuria ou un manípulo, podían usarse simples silbatos.

Que importancia tiña a enxeñaría militar no exército romano, especialmente na construción de campamentos, pontes e outras infraestruturas?

Era vital, os romanos eran uns grandes zapadores; as veces, as pontes eran construídas en tempo récord, sorprendendo os seus inimigos; como exemplo, temos a ponte que Xulio César fixo construir sobre o Rin.

O soldado, ademais da instrucción militar, pasaba parte do seu tempo investindo a súa forza física en realizar obras públicas e de mantemento. En campaña, cada noite erguían un campamento. En canto á enxeñaría do asedio, son chamativos os casos de Alesia (Galia) por Xulio César ou de Xerusalén por Vespasiano e, logo, o seu fillo Tito.

Público na presentación de 'Ejército romano'
Público na presentación de 'Ejército romano'Mónica Patxot

E, por último, que legado cultural deixou o exército romano na organización dos exércitos modernos?

A día de hoxe, nas academias militares seguen lendo a Xulio César (as veces cos comentarios de Napoleón), iso a pesar dos profundos cambios que se deron no exército a través dos séculos que nos separan. A incorporación da pólvora aos usos militares a finais da Idade Media "cambiou as regras" en canto á poliorcética.

A pesar de todo, o modelo romano, o seu estudo, segue tendo sentido nas academias militares.

Presentación de 'Ejército romano' de Xerardo Torrado Agulla
Presentación de 'Ejército romano' de Xerardo Torrado AgullaMónica Patxot
Público na presentación de 'Ejército romano'
Público na presentación de 'Ejército romano'Mónica Patxot
Público na presentación de 'Ejército romano'
Público na presentación de 'Ejército romano'Mónica Patxot