A necesidade de atraer xente ao Mercado puxo en marcha un proxecto que mestura gastronomía, narrativa e xogo: O ladrón de receitas, unha iniciativa impulsada por Sergio García e Manuel Acuña, propietarios do restaurante Icewolf, con locais en Pontevedra e Vigo.
Para presentar esta idea, os creadores do proxecto organizaron unha mostra este martes no Mercado de Abastos, coa finalidade de visibilizar a proposta para futuras datas.
Ao acto asistiu Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica, quen manifestou a intención do Concello de apoiar estes eventos: "a min me pareceu que era unha idea tan brillante que era necesario trasladala ao mercado municipal".

Os donos de Icewolf xa esgotaron as dúas primeiras datas elixidas para levar a cabo a experiencia, que terán lugar nos seus restaurantes os próximos sábados 18 e 25 de abril en Pontevedra, e o venres 17 e domingo 26 de abril en Vigo. Sergio García afirmou que a partir de maio publicarán novas datas para "facer un evento máis rutineiro para a xente que queira participar e vivir a experiencia".
A proposta que pretende pór en práctica o Concello consiste en levar 'O ladrón de receitas' ao Mercado de Abastos para "poñer en valor o mercado, os establecementos hosteleiros e a nosa gastronomía" ademais de aproveitar o espazo, como asegurou Anabel Gulías.
A primeira mostra ao público, celebrada no mercado, terá lugar o próximo 11 de abril, cunha capacidade de 25 persoas divididas en grupos de catro. As persoas interesadas en asistir poderanse inscribir a través da páxina do Concello, en Apúntate a partir do mércores 25 de marzo ás 12:00 horas.
Sergio García comentou o proceso que desenvolveron, que se iniciou hai un ano polo auxe da gastronomía e xa anunciaron nas súas redes sociais, xerando expectativa. Ademais, destacou o carácter local da iniciativa, "feita por xente de aquí, por veciños de Pontevedra", dando recoñecemento a Fabián, o director creativo do proxecto.
A historia de 'O ladrón de receitas' inspírase na película "Atrápame se podes", onde un axente da FBI trata de capturar a un delincuente que vai cambiando de identidade. Neste caso, os participantes actuarán como investigadores poñendo a proba os seus coñecementos, saboreando aperitivos internacionais e descubrindo a súa procedencia; deberán ir seguindo as pistas para atrapar o ladrón.

O menú funciona como fío condutor da narración e consistirá en catro aperitivos, tres entrantes, dous principais e unha variedade de sobremesas, que se irán descubrindo a medida que avanza a historia. Ademais, inclúense opcións sen gluten, para algunhas alerxias e intolerancias, e para vexetarianos.
Para facer posible a experiencia, os donos de IceWolf contan coa colaboración dos seus cociñeiros e camareiros, e tamén do mercado, que provén os alimentos naturais cos que elaboran as súas receitas.
Finalmente, acompañando á comida, para lograr unha maior inmersión no xogo, incluirase contido audiovisual, iluminación, sons e o personaxe de Fabián, o señor López.