12 horas de diversión BTT en Pontillón do Castro

Pontevedra
04 de outubro 2015

A contorna do encoro de Verducido acolleu a segunda edición da BTT Pontevedra Non Stop, na que participaron máis de 300 ciclistas durante toda a xornada

Segunda edición da BTT Pontevedra Non Stop Diego Torrado

A contorna do encoro de Pontillón do Castro, en Verducido, foi durante toda a xornada de sábado unha festa da bicicleta.

Alí disputouse a segunda edición da BTT Pontevedra Non Stop, proba de resistencia que arrancou ás 9:00 horas da mañá.

Máis de 300 ciclistas tomaron parte na proba de resistencia, non competitiva, que consisitía en dar o maior número de voltas posibles ao circuíto de 10 quilómetros.

A maioría de ciclistas conformaron equipos para completar as 12 horas de reto, aínda que houbo 40 valentes que o realizaron individualmente e tamén moitos que optaron pola opción reducida de seis horas.

A organización, a cargo da Roda do Demo, habilitou unha serie de actividades e servizos no Pontillón que completaron unha xornada chea de diversión.