17 de xullo, data tope do Peixe Galego para inscribirse nunha LEB Ouro que se dividirá en dous grupos

Marín
03 de xullo 2020

A Comisión Xestora da Federación Española de Baloncesto aprobou este venres as Bases de Competición da próxima tempada, do mesmo xeito que os requisitos económicos que deberán cumprir clubs como o Peixe Galego para poder saír na segunda categoría nacional

Partido da Liga LEB Ouro entre Peixe Galego e HLA Alicante
Partido da Liga LEB Ouro entre Peixe Galego e HLA Alicante / Cristina Saiz

A carreira de fondo na que está inmerso o Peixe Galego na busca dos recursos económicos que lle permitan saír por segunda tempada consecutiva na Liga LEB Ouro ten unha data marcada en vermello no calendario, o 17 de xullo.

Ese é o día límite (ás 13:00 horas) para inscribir ao equipo cumprindo os requisitos económicos que pide a Federación Española de Baloncesto, e que foron aprobados este venres pola súa Comisión Xestora, do mesmo xeito que as bases de competición das súas principais ligas.

No que respecta a a LEB Ouro, a principal novidade será a súa división en dous grupos para unha primeira fase regular, cun grupo de 10 composto por 10 equipos e outro por 9, sempre que se inscriban todos os clubs con dereito deportivo. Á súa conclusión, os cinco primeiros clasificados de cada grupo pasasen a formar parte dunha fase polo título e os outros nove conxuntos formarán o grupo pola permanencia. Ademais o campión da liga ascenderá directamente á ACB, mentres que a segunda praza poñerase en xogo no formato Final Four tras a disputa dunha primeira rolda de play- off. Descenderán a Prata o últimos catro equipos do grupo pola permanencia.

Segundo estas bases de competición a liga regular dará comezo o 16 de outubro (3 de outubro a liga Feminina 2 con outros equipos da comarca implicados), concluíndo a primeira fase o venres 5 de marzo e a segunda o día 14 de maio.

En canto aos requisitos económicos que deberá cumprir o Peixe Galego, a pesar da incerteza derivada do coronavirus, non varía o importe de inscrición ao que debe facer fronte e que será de 36.000 euros, mentres que o aval requirido aos clubs ascende a 150.000 euros. 

Todo un desafío para un club humilde que pelexará ata a data límite para poder vivir a terceira experiencia da súa historia nunha liga tan competitiva como é a LEB Ouro masculina de baloncesto.