Esta fin de semana celébrase o Campionato de España de Salvamento e Socorrismo por Comunidades Autónomas, que terá lugar desde o venres 26 ao domingo 28 de setembro.
O evento reunirá a 114 socorristas en categoría absoluta e 90 en categoría cadete, procedentes de 10 comunidades autónomas de todo o Estado.
As probas de piscina desenvolveranse na Fundación Rías do Sur en Pontevedra os días 26 e na mañá do 27 de setembro, mentres que as competicións de praia celebraranse na tarde do 27 e durante toda a xornada do 28 na praia de Silgar, no municipio de Sanxenxo.
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacou durante a presentación do campionato que este evento representa a culminación dun "compromiso firme deste goberno municipal cos clubs de auga da cidade". Gulías subliñou que o campionato é froito da colaboración institucional e do esforzo local, recordando o convenio coa Fundación Rías do Sur para garantir a dispoñibilidade de "lámina de auga, que era tan necesaria".
A edil tivo palabras de especial recoñecemento para o club local SAPO: "Quero darlle as grazas ao club SAPO por ter pulado para que teñamos competicións nesta cidade". Lembrou que o ano pasado, durante o campionato galego, xa se anunciaba que "virían máis cousas, e aquí estamos cun campionato de España".
Carmen Calvar, presidenta do Club SAPO, confirmou que Galicia será a selección con maior representación, achegando 24 deportistas galegos: 12 en categoría absoluta e 12 en cadetes.
Blanca García-Señoráns, en representación da Xunta de Galicia, destacou a importancia educativa e profesional desta disciplina: "O deporte de Salvamento e Socorrismo salva vidas", afirmou, subliñando que os socorristas poden despois realizar rescates acuáticos reais. A representante autonómica incidiu na colaboración da Xunta non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén educativo e formativo.
Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, cualificou o salvamento acuático como "un deporte en auxe" e "moi estético", destacando a súa repercusión económica e a posibilidade de que chegue a ser olímpico no futuro.
O campionato comezará o venres 26 ás 16.30 horas coa presentación e desfile dos participantes, seguido das primeiras competicións.
As probas continuarán o sábado a partir das 10.00 horas e finalizarán na praia de Silgar pola tarde ás 16.00 horas do domingo. Todas as competicións poderán seguirse en streaming a través da canle de YouTube da Federación.
Desde a organización animan a cidadanía a ver este espectáculo que se desenvolve "entre cloro e salitre e entre area e corcheras", segundo destacou García Señoráns na súa intervención.
Os datos das competicións están dispoñibles nesta ligazón.