O mellor da natación galega citarase esta fin de semana en Pontevedra co Campionato Galego Júnior e Absoluto de Verán, que se disputará do 4 ao 6 de xullo na piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur, en Ponte Muíños.
A competición reunirá a 358 deportistas, repartidos en 200 homes e 158 mulleres) procedentes de 28 clubs de toda Galicia, nun evento de alto nivel que encherá a cidade de deporte, vida e proxección.
As xornadas desenvolveranse a partir das 9:30 horas coas finais ás 17:30 horas, agás o domingo, que adianta as finais ás 17:00.
Durante os tres días disputaranse todas as probas e estilos oficiais, nun programa completo que permitirá aos nadadores xuvenís loitar polas marcas mínimas para o campionato de España, que terá lugar a finais de mes en Castellón.
Na presentación oficial do evento, a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, destacou a importancia da conxunción institucional entre o Concello, o Club Natación Galaico, a Fundación Rías do Sur e a Federación Galega de Natación para impulsar este tipo de citas.
"Este tipo de campionatos non só son importantes a nivel deportivo, senón que tamén supoñen un impacto económico e social para a cidade, enchendo hoteis, restaurantes e comercios locais", comentou a responsable municipal de Deportes.
A competición coincidirá co festival PortAmérica, nunha fin de semana de intensa actividade na cidade.
Gulías aproveitou para poñer en valor a figura da pontevedresa Daniela Suárez, quen vén de conquistar tres ouros no campionato júnior e xa forma parte da selección española concentrada en Car de San Cugat: "Esa rapaza debería abrir a sección de deportes de todos os xornais".
O Club Natación Galaico, organizador do evento xunto á federación, chega con forza: é o único club galego en división nacional e aposta por revalidar o seu liderado autonómico.
Alberto Castro, presidente da entidade, foi claro despois da rolda de prensa: "Vamos a gañalo". O Galaico tamén aspira a bater o seu propio récord galego na proba de relevos 4x50 feminino, vixente desde 2009.
A lista de talentos inclúe nomes coma Mateo García, que ingresará no centro de alto rendemento de Málaga, ou Inés Mourenza, nadadora de categoría internacional. Xunto a elas, Sofía Barros e Antía García representan o futuro dunha natación que segue medrando.
O acceso para presenzar o campionato é libre e está aberto a toda a cidadanía. Desde o Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides subliñou o papel desta cita como motor deportivo e económico: "É un evento sempre ben acollido pola calidade e polo seu impacto local".
Segundo Jorge Castro, en representación da Fundación Rías do Sur, este será o oitavo campionato galego da tempada nas instalacións pontevedresas de Ponte Muíños, ademais de dous nacionais e múltiples trofeos e copas: "Queremos seguir medrando e dar un paso máis".