Pontevedra e Poio prepáranse para acoller esta fin de semana o Campionato de Europa de Fútbol Gaélico, unha cita que "estamos encantados de acoller", asegurou na súa presentación o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Acompañado do edil de Deportes, Tino Fernández, e de Alexandre Sanmartín desde a organización do campionato, debullaron algúns dos detalles do mesmo, como unha alta participación con ata 25 equipos entre a competición masculina e a feminina.
Serán en total 400 os deportistas que se acheguen ata Pontevedra, comezando a actividade este mesmo xoves cunha festa de benvida.
O deporte en si centrarase nas xornadas de venres 15 e sábado 16 de xullo, cun torneo absoluto denominado 'Championship' que terá lugar no campo Manolo Barreiro da Xunqueira e no de Monte Porreiro, e outro denominado Development, para seleccións en desenvolvemento, que se celebrará no campo da Seca, en Poio.
Todos os partidos contarán con entrada de balde para o público, e poderán seguirse ademais a través de 'streaming' pola plataforma Youtube, poñendo a guinda a retransmisión prevista das finais por parte da segunda canle da Televisión de Galicia.