A arxilista Minata Keita entra no quinteto ideal da tempada na Liga Feminina 2

Pontevedra
03 de maio 2017

A pivot de Mali foi considerada como unha das xogadoras máis decisivas da competición. A intención do equipo pontevedrés é negociar a súa renovación para a próxima tempada

Minata Keita, no partido entre Arxil e Lima-Horta Barcelona no CGTD
Minata Keita, no partido entre Arxil e Lima-Horta Barcelona no CGTD / Diego Torrado

Coa tempada concluída na Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil empeza a pensar na planificación do próximo curso, no que espera volver pelexar polos postos altos da competición.

Para iso un dos principais obxectivos marcados pola entidade é o de reter a unha das xogadoras máis determinantes da categoría, Minata Keita.

A pivote malí foi incluída dentro do quinteto ideal da tempada na Liga Feminina 2 despois dunha campaña na que alcanzou 22,1 puntos de valoración por partido, sendo a terceira máxima anotadora (18,4 puntos por partido) e a mellor reboteadora (12,5 por encontro).

O cinco ideal complétano a base Chloe Wells (Añares Rioja ISB), a escolta Ylenia Manzanares (Celta Zorka), a alero Joy Brown (Universidad de Oviedo) e a ala-pívot Patricia Soler (I. Fertilidade Air Europa).