A brasileira Lais Nunes corta as ás a Lydia Pérez no Mundial de Loita

Pontevedra
20 de setembro 2023

A deportista pontevedresa caeu eliminada este mércores nos 1/16 de final do Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se está a celebrar en Belgrado, primeira cita clasificatoria para os Xogos Olímpicos

Lydia Pérez, durante una competición internacional United World Wrestling

Non tivo sorte Lydia Pérez Touriño no Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se está a celebrar na capital de Serbia, Belgrado.

A deportista pontevedresa viu como a brasileira Lais Nunes, número 5 do ranking mundial, non lle daba opción no combate de 1/16 de final, apartándoa da pelexa polas roldas finais por un tenteo de 10-0.

Tras a súa derrota Lydia quedou pendente de como evolucionaba a súa rival cun ollo posto nunha posible repesca, pero Nunes, que superou con autoridade o seu choque de 1/8 de final, terminou caendo unha rolda despois fronte á xaponesa Sakura Motoki, pechando a vía da repesca e as opcións de pelexar por unha medalla de bronce.

Este Campionato do Mundo era unha cita importante para a deportista do Club Loita Pontevedra, ao tratarse da primeira cita clasificatoria para os Xogos Olímpicos de París.

Ese obxectivo con todo, o da clasificación olímpica, terá aínda que esperar para outra ocasión.