A canteira da Gimnástica, en plena forma

Pontevedra
24 de novembro 2016

Os equipos do club pontevedrés participaron na primeira fase da V Liga Escolar, logrando tres deles a clasificación directa para a final da competición

Atletas da Gimnástica na primeira fase da Liga Escolar
Atletas da Gimnástica na primeira fase da Liga Escolar / Sociedad Gimnástica

Os atletas máis novos e prometedores da Sociedad Gimnástica conseguiron grandes resultados na primeira das fases da V Liga Escolar, demostrando estar en plena forma.

Na competición celebrada en Vigo tres dos equipos do club pontevedrés lograron a clasificación directa para a final da competición, que se celebrará o 29 de xaneiro no Palacio dos Deportes de Riazor, na Coruña.

O que máis brillou foi o conxunto de idade benxamín, cunha primeira praza na categoría masculina que lle meteu directamente na final e un segundo posto na feminina, aínda que no seu caso tendo en conta os resultados das outras sedes quedou fóra dos oito mellores.

Tamén logrou o seu pase á final o equipo alevín masculino e o infantil feminino, ao ser en ambos os casos quintos no cómputo global.