A Carreira Pedestre de Campañó reinvéntase mantendo a súa esencia "rompepernas"

Pontevedra
25 de maio 2016

Na súa novena edición a proba, incluída no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, cambia de data e tamén de percorrido, con 2.000 metros menos pero mantendo a súa dureza característica. Só na carreira absoluta inscribíronse máis de 500 deportistas

Anxos Riveiro e José María Domínguez na presentación da IX Carreira Pedestre de Campañó Mónica Patxot

Cambio de data e tamén de percorrido, pero coa mesma esencia. Así se presentou este mércores a novena edición da Carreira Pedestre de Campañó, segunda proba do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra que se disputará o vindeiro sábado 28 de maio.

Nesta ocasión a organización decidiu variar o percorrido, que pasa a ser de 7.650 metros (2.000 menos que o do pasado ano) pero mantendo a súa característica de "rompepernas", asegurou José María Domínguez, representante da Asociación Cultural e Deportiva de Campañó.

Este cambio supón eliminar a temida costa do cemiterio, pero inclúense outros desniveis nun circuíto ao que se dará tres voltas con saída e chegada no Campo da Festa.

Pese ao cambio de data a participación mantense estable con respecto a outras edicións, con medio milleiro de atletas confirmados para a carreira absoluta, ao que hai que sumar os deportistas que tomen parte nas categorías inferiores.

Precisamente os menores de idade serán os primeiros en competir, desde as 17:45 horas, dando paso ás carreiras nas diferentes categorías ata a absoluta, prevista para as 18:45 horas.

Os dorsais poderán recollerse o mesmo día da carreira no Hotel Campaniola, desde as 12:00 ata as 17:45 horas.