Pablo Dapena e Leticia Fernández reinan en Campañó

Pontevedra
28 de maio 2016

A novena edición da Carreira Pedestre de Campañó, terceira cita do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, desafiou á choiva nunha desapracible tarde con preto de medio milleiro de atletas

IX Carreira Pedestre de Campañó
IX Carreira Pedestre de Campañó / Diego Torrado

Nun día de tormentas intermitentes durante a tarde, o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) desafiou á auga na novena edición da Carreira Pedestre de Campañó.

Preto de medio milleiro de atletas tomaron parte nunha carreira que viu reducido o seu percorrido con respecto a pasadas edicións, ata os 7.650 metros, pero sen perder a súa épica.

Pablo Dapena en categoría masculina e Leticia Fernández na masculina foron os vencedores da carreira absoluta, que pechou un evento que comezara unha hora antes coas probas de menores.

Dapena completou o percorrido en 24 minutos e 45 segundos, cunha cómoda vantaxe sobre o segundo clasificado, Iván Docampo (25:14), e sobre o terceiro, Amadeo Abal (25:33).

Pola súa banda Leticia Fernández cruzou a meta cun tempo de 30 minutos e 10 segundos. Acompañárona no podio Barca Toba (30:36) e María Jesús Gestido (30:51).

Consulta aquí as clasificacións completas da carreira.

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra terá a súa próxima cita o próximo 18 de xuño coa PonteNoite 5+5.