Non hai hora que non sexa boa para correr. Iso demostraron os máis de 600 corredores que participaron este sábado na cuarta edición da carreira popular PonteNoite 5+5, que percorreu en horario nocturno as principais rúas da cidade de Pontevedra.
A proba, a cuarta que integra o Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), foi todo un espectáculo, tanto pola zona da cidade pola que discorreu como por un horario -as nove e media da noite- que a fai especial.
Os gañadores foron José Alberto Bastos en categoría masculina e Leticia Fernández na feminina.
Bastos cruzou a liña de meta tras empregar 32 minutos e 8 segundos en completar os dez quilómetros da proba. Avantaxou en 16 segundos a Amadeo Abal, segundo clasificado. Terceiro foi Abel Barros, que parou o seu reloxo en 33 minutos e 40 segundos.
Pola súa banda, Leticia Fernández segue dando mostra do seu gran momento de forma e impúxose con rotundidade entre as mulleres. Completou o percorrido en 37 minutos e 12 segundos. Foi 48 segundos máis rápida que Barca Toba, que ocupou a segunda posición. Ao podio tamén se subiu Lorena Salgueiro, terceira cun tempo de 38 minutos e 18 segundos.
Ademais dos dez quilómetros, os participantes podían optar por facer só cinco quilómetros. Nesta categoría, os gañadores foron Sergio Fonseca e Mónica López Fuentes.
A proba contou tamén cunha carreira solidaria, Run For Parkinson, duns 600 metros de distancia e cuxo diñeiro recadado a través das inscricións será doado á Asociación de Párkinson da provincia de Pontevedra.