Pablo Dapena acaba en segundo lugar no tríatlon de media distancia de Vitoria

Pontevedra
12 de xullo 2016

O triatleta pontevedrés está a especializarse na media distancia, na que conseguiu tamén proclamarse campión galego. En Vitoria só foi superado por Miguel Ángel Fidalgo

Pablo Dapena entrando na meta no Triathon Vitoria-Gasteiz
Pablo Dapena entrando na meta no Triathon Vitoria-Gasteiz

Hai uns meses confirmou que daba un paso atrás na súa carreira, abandonando a alta competición, pero que seguiría participando en diferentes probas, e a experiencia está a resultar moi positiva para Pablo Dapena.

O triatleta pontevedrés está a obter grandes resultados na media distancia, na que se proclamou recentemente campión galego, o último no Triathon Vitoria-Gasteiz.

No País Vasco Dapena concluíu en segunda posición, tras manterse na cabeza toda a proba nun bonito duelo ante Miguel Ángel Fidalgo, que finalmente levou o triunfo cun tempo de 3:57:56. Pablo foi segundo cun tempo de 3:59:40, completando o posio Aimar Agirresarobe.

Todo tras 1,9 quilómetros de natación, 93 quilómetros de bicicleta e 21 quilómetros de carreira a pé.

Tras a carreira o propio deportista recoñeceu na súa conta de Twitter estar "fundido pero con el objetivo más que cumplido", enxalzando o "espectacular" ambiente vivido nas rúas de Vitoria.

O seu próximo reto será o tríatlon de Pálmaces, Guadalaxara, o 24 de xullo (1,8 quilómetros de natación, 60 de ciclismo e 12 quilómetros de carreira a pé).