Bronce con sabor a ouro para Pablo Dapena no Campionato de España de Tríatlon

Pontevedra
05 de setembro 2016

O triatleta pontevedrés pecha tres fantásticas semanas cunha medalla no Nacional de distancia olímpica celebrado en Banyoles, nunha disciplina que esta tempada quedara nun segundo plano no seu calendario e tras unha carreira de gran nivel, na que o vencedor foi o olímpico Fernando Alarza

Pablo Dapena (dereita), tras acabar terceiro no Campionato de España en Banyoles
Pablo Dapena (dereita), tras acabar terceiro no Campionato de España en Banyoles

Nunha tempada na que a distancia olímpica pasou a un segundo plano no seu calendario, e pese ao alto nivel de participación co que contaba a proba, Pablo Dapena logrou subir ao podio do Campionato de España celebrado en Banyoles.

É a segunda vez que o consegue o triatleta pontevedrés, tras a medalla de prata de 2014. Nesta ocasión ao terminar terceiro unha carreira dominada polo olímpico Fernando Alarza e na que figuraban na lista inscritos deportistas de gran nivel como David Castro, Uxío Abuín ou Antonio Serrat, entre outros.

Dapena tivo que empregarse a fondo para colocarse no grupo de cabeza no sector ciclista, tras unha complicada natación da que saíu bastante atrasado. Foron dous quilómetros de esforzo para enlazar co pelotón de 20 unidades que comandaba a proba.

Así se chegou aos 10.000 metros finais, nos que Fernando Alarza destacouse na cabeza e David Castro na segunda. Por detrás, un grupo formado polo pontevedrés, Cesc Godoy, Uxio Abuin, Miguel Ángel Fidalgo e Jordi García xogaríase o bronce. A grupeta foise reducindo ata quedar a loita nun man a man entre Pablo Dapena e Jordi García, que caeu de lado do galego.

Dapena pecha así tres semanas sobresalientes, nas que conseguiu impoñerse en dúas probas de media distancia no Valle de Buelna e en Guadalajara. "Ha sido el broche de oro a tres grandísimas semanas que recordaré toda mi vida. Ser tercero en un Campeonato de España, con tanto nivel como el de hoy, era algo que ni en el mejor de los sueños, pero así ha sido y he aprovechado la oportunidad de volver a subir a un pódium como en 2014", sinalou tras a carreira.