A Copa da Raíña entra en escena para O Fisgón e Poio Pescamar

Marín
05 de decembro 2019

O pavillón marinense da Raña será escenario este venres 6 de decembro do encontro de primeira rolda de Copa. Fin de semana de dobre compromiso para o Poio  Pescamar, que o domingo recibe en liga o Alacant

Adestramento do Poio Pescamar

O fútbol sala será protagonismo durante a ponte festiva na comarca, en especial coa entrada en escena da Copa da Raíña.

O Fisgón e Poio Pescamar mediranse este venres (19:00 horas) no pavillón marinense da Raña na primeira rolda do torneo do K.O., aparcando por unhas horas os seus ambiciosos obxectivos en liga.

As entradas para o duelo terán un custo de 6 euros para o público (3 euros para menores de 12 anos), mentres que os socios de O Fisgón deberán abonar 1 euro.

Non será en todo caso a única cita da fin de semana para o Poio Pescamar, que menos de 48 horas despois afrontará unha nova xornada de liga na Primeira División recibindo na Seca o Xaloc Alacant, pechacancelas da categoría.

A pesar da mala clasificación as vermellas apelan á concentración para evitar erros e buscar o seu quinto triunfo consecutivo na pelexa por entrar nos postos de  play-off polo título.

A convocatoria do Poio Pescamar para ambas as citas estará composta por: Silvia Aguete, Caridad, Carol Agulla, Clara, Mirian, Iria Saeta, Andrea Feijóo, Ana Rivera, Anna Escribano, Dani Sousa, Irene García e a canteirá Andrea Alvite.