O piragüismo é o "deporte que máis probas de ámbito nacional trae a Pontevedra".
Son palabras do edil de Deportes, Tino Fernández, na presentación dunha nova competición que encherá de actividade o Complexo Deportivo David Cal no encoro de Pontillón do Castro, en Verducido. Trátase da segunda Copa de España de Sprint Olímpico da tempada.
Na cita participarán o sábado 20 e o domingo 21 de maio ata 542 padexeiros de 68 clubs españois. Todo iso desde a categoría júnior ata a absoluta.
Fernández estivo acompañado na presentación polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.
Ademais a Copa de España collerá a testemuña do Selectivo Nacional Júnior e Sub-23 que se está celebrando en Verducido e que finalizará o venres, e no que se decide o nome dos e as deportistas que representarán a España nos próximos Mundial e Europeo destas categorías. Un selectivo que conta cunha importante presenza de piragüistas pontevedreses.