A Copa de España Sub-19 de squash, para a pontevedresa Marta Domínguez

Pontevedra
24 de outubro 2017

Grandes resultados os conseguidos polos deportistas do Squash Pontevedra na Copa de España Sub-19 celebrada en Madrid, destacando a medalla de ouro logarada por Domínguez. A próxima fin de semana Pontemuíños acollerá a Copa Ibérica

Marta Domínguez tras vencer na Copa de España Sub-19 de squash

Grandes resultados os conseguidos polos deportistas do Squash Pontevedra na Copa de España Sub-19 celebrada en Madrid.

Nas pistas de squash de Castellana Sport destacou o torneo de Marta Domínguez, ao facerse co título confirmando o seu gran estado de forma e de xogo, xa que chegaba á cita despois de gañar o Nórdic en Suecia.

A xogadora pontevedresa alcanzou a final da competición sen ceder un só xogo, e no partido polo campionato mostrouse tamén moi superior á catalá Sofía Mateos, vencendo por un parcial de tres sets a un (11-5, 11-7, 5-11, 11-4).

Ás portas da medalla quedaron tamén Gonzalo Romero e Pablo Quintana, cuarto e quinto respectivamente, mentres que María Domínguez fíxose co sétimo posto e Sergio Puga co décimo terceiro.

Son uns resultados que enchen de optimismo ao Squash Pontevedra para afrontar os seus próximos retos, que pasan por participar a próxima fin de semana en Valencia na Copa de España Absoluta en Valencia, con Xisela Aranda, Marta e María Domínguez, e tamén por organizar na casa, en Pontemuíños, a Copa Ibérica o sábado 28 de outubro.