A Copa Galicia, eixo da pretempada do Peixe Galego

Marín
05 de agosto 2016

O club marinense xa coñece datas e emparellamentos da competición autonómica, que se desenvolverá durante o mes de setembro e servirá de preparación para o inicio da liga

Javi Llorente no banco do Peixe Galego no partido de liga ante El Bulevar Diego Torrado

O Peixe Galego xa coñece as datas e os rivais que se atopará na Copa Galicia de baloncesto, competición que se desenvolverá durante o mes de setembro e que servirá de preparación para o inicio da tempada.

Os de Javi Llorente xogarán ademais ante tres equipos da súa mesma categoría, a LEB Ouro, o que supoñerá unha boa proba de nivel antes de estrearse na segunda categoría do baloncesto nacional.

O cadro marinense non debutará ata a segunda xornada da Copa Galicia, o 8 de setembro na Raña ante o Leyma Coruña.

Tras ese encontro o día 12 o Peixe visitará ao COB Ourense, o 16 de setembro recibirá ao Breogán e concluirá a primeira fase na pista do Xuven Cambados o 20 de setembro.

Pola súa banda o Xuven debutará o 4 de setembro na Coruña, recibirá o día 8 ao COB Ourense e o 12 de setembro visitará ao Breogán de Lugo.

A semifinal, entre o primeiro e segundo clasificado da liguiña, disputarase o 24 de setembro, e a final, co Obradoiro de ACB como rival, só un día despois.