A Deputación ofrece o seu apoio ao Teucro tras o ascenso a Asobal

Pontevedra
19 de maio 2017

A presidenta provincial, Carmela Silva, aproveitou a recepción oficial ao club pontevedrés para comprometer apoio para a próxima tempada. Club e Deputación cítanse para unha próxima reunión na que concretar cantidades ante a preocupación teucrista á hora de saber que orzamento pode confeccionar no seu retorno á máxima categoría

Recepción oficial na Deputación ao Teucro tralo seu ascenso
Recepción oficial na Deputación ao Teucro tralo seu ascenso / PontevedraViva

A recepción oficial ofrecida este venres pola Deputación á Sociedad Deportiva Teucro serviu para despexar, en parte, as dúbidas económicas do club pontevedrés ante o esforzo que supoñerá o retorno á máxima categoría do balonmán nacional.

Quere a directiva e o corpo técnico lograr un plantel competitivo, e para iso necesitan saber cales serán os apoios á hora de elaborar o orzamento, o que "supone una gran preocupación para el hombre que tengo a mi lado", recoñeceu o máximo dirixente teucrista, Carlos García-Alén, en relación ao adestrador do equipo, Quique Domínguez.

Por iso, o compromiso adquirido publicamente pola presidenta provincial, Carmela Silva, adquire valor para os azuis. Silva, que sinalou que o Teucro supón "un orgullo para toda Pontevedra", emprazou á directiva a unha próxima reunión "nunha ou dúas semanas" para concretar un apoio económico ao que poderá acceder a través de liña de subvencións para equipos de elite.

Á recepción acudiu, ademais de directiva e corpo técnico, gran parte do primeiro plantel teucrista, que xa empezou as súas merecidas vacacións tras unha sobresaliente tempada.