A diferenza de goles, un factor que pode decidir o ascenso

Pontevedra
28 de marzo 2022

A falta de 7 partidos para o final da liga, o Pontevedra colocouse a só 3 puntos do líder Unión Adarve, pero que pasará se a competición acaba con empate a puntos?

Momento do segundo gol do Pontevedra no partido de liga fronte ao Unión Adarve en Pasarón
Momento do segundo gol do Pontevedra no partido de liga fronte ao Unión Adarve en Pasarón / Cristina Saiz

Restan 7 xornadas para o final da liga na Segunda RFEF e todo está por decidir aínda para o Pontevedra Club de Fútbol, que tras o seu triunfo do domingo fronte ao líder Unión Adarve reduciu a só tres puntos a súa desvantaxe sobre a única praza de ascenso directo.

Os granates, aínda que non dependen de si mesmos, están a só un encontro de distancia, pero, que pasaría en caso de empate final a puntos co Adarve ou con outro rival?

A vitoria pola mínima en Pasarón fronte aos madrileños (3-2) non desfai o empate no average particular entre ambos os equipos tras o 2-1 a favor do  Adarve na primeira volta. Por ese motivo hai que mirar cara á diferenza xeral de goles.

Neste apartado os dous equipos encaixaron 27 goles, pero o Pontevedra suma 7 tantos máis que o seu rival (52 contra 45). Esa é a diferenza que a día de hoxe decidiría un empate a puntos entre ambos en favor dos granates, pero todo pode dar aínda moitas voltas no que resta de liga.

Pola súa banda o terceiro en discordia, un Navalcarnero ao que renderá visita o Pontevedra o vindeiro domingo 3 de abril, queda tres puntos por detrás na táboa. Neste caso, ao empatar na ida en Pasarón (0-0), tamén estará en xogo saber quen sairía beneficiado en caso de igualdade de puntos. Se hai que recorrer ao diferencial total, os da Boa Vila contan con moita vantaxe cun +25 polo +7 co que conta o Navalcarnero.

Todo apunta, tal e como recoñeceu na rolda de prensa post-partido o adestrador pontevedrés, que a igualdade se manterá ata o final da competición, polo que cada pequeno factor pode resultar decisivo.

Neste tramo final o Pontevedra xogará, por esta orde, contra o Navalcarnero a domicilio (3º clasificado), Avilés na casa (12º), Arosa fóra (16º),  Langreo en Pasarón (11º), Ceares como visitante(18º), Salamanca como local (17º) e Palencia fóra (7º).

Pola súa banda o calendario do Unión Adarve é ante Compostela (5º), Móstoles (9º), Leganés B (10º), Bergantiños (4º), Arenteiro (8º), Marino de Luanco (14º) e Llanera (15º), e o do Navalcarnero mediralle ao Pontevedra e despois a Compostela (5º), Móstoles (9º), Leganés B (10º), Bergantiños (4º), Arenteiro (8º) e Marino de Luanco (14º).

A emoción está servida.