O Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuiños será escenario desde este mércores 28 de decembro e ata o venres 30 da súa última gran competición do ano, o Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno.
A última gran cita do calendario en piscina curta reunirá en Pontevedra a máis de 300 nadadores de 24 clubs galegos, a elite da natación rexional.
"É unha oportunidade para ver aos mellores nadadores galegos", sinalou na presentación do evento o presidente do Galaico, José Miguel Cano.
Entre eles estarán os recentes medallistas nacionais en piscina de 25 metros, como as pontevedresas Águeda Cons e Bea Gómez ou o coruñés Sergio Campos, ademais da olímpica María Vilas que empeza a coller a forma tras atravesar problemas físicos nos últimos meses.
A competición ía celebrarse en Santiago de Compostela, pero problemas de dispoñibilidade da piscina de Santa Isabel obrigaron a recolocalo en Pontevedra a última hora xa que "no tenemos duda del Galaico, de las veces que han organizado los campeonatos", recoñeceu o presidente da Federación Galega, Carlos Touriño.
A entrada a Rías do Sur será de balde para o público durante todo o campionato, que recupera o formato de eliminatorias en horario matinal (desde as 10:00 horas) e finais nas xornadas de tarde (desde as 17:00 horas).