A embarcación de Rodrigo Germade, subcampioa do Mundo en Hungría

Pontevedra
25 de agosto 2019

O cangués consegue, xunto aos seus tres compañeiros de embarcación, a prata na final deste domingo, despois do segundo posto de Teresa Portela

Rodrigo Germade cos seus compañeiros no podio do Mundial de Hungría
Rodrigo Germade cos seus compañeiros no podio do Mundial de Hungría / Federación Galega de Piragüismo

Este domingo disputouse a xornada final do Mundial de Piragüismo, que se desenvolveu na cidade húngara de Szeged desde o pasado 21 de agosto.

Nesta ocasión, a actividade comezou ás 10:10 horas coa proba correspondente á final B de canoa individual masculina de 200 metros. Ao longo da mañá tiveron lugar outras carreiras, nas que os deportistas galegos conseguiron bos resultados.

Por unha banda, o cangués Rodrigo Germade, xunto aos seus compañeiros Saúl Craviotto, Carlos Arévalo e Marcus Walz, lograron a merecida prata na final A de K4 homes de 500 metros. Proclamándose, desta maneira, subcampións do Mundo na devandita modalidade.

Ademais, a embarcación de Antía Jácome e Patricia Coco meteuse no podio da final B da proba de canoa en parella de 500 metros. Finalizaron primeiras no seu grupo.

Para poñer fin ás probas matutinas, a padeeira do Ciudad de Pontevedra, Carolina García, terminou cuarta na final C da carreira de kaiak individual feminina de 500 metros.

O último galego en tomar parte na competición foi o grovista Tono Campos, que non conseguiu optar ao podio ao cruzar a liña de meta en novena posición despois de 23:39.67. Neste caso, o ouro foi para o alemán Sebastian Brendel. 

Consulta os resultados do Mundial de Piragüismo de Hungría.