Tere Abelleira non poderá sumar o seu segundo Europeo Sub-19 consecutivo. A Selección Española da categoría, coa futbolista pontevedresa entre as protagonistas, caeu eliminada este xoves na fase final que se está celebrando en Escocia ao perder na prórroga das semifinais ante Francia (1-3).
Foi un duelo tremendamente igualado, cunha solidez do equipo galo que apenas concedeu oportunidades ás españolas. Eva Navarro estivo a piques de anotar na segunda metade, pero o seu disparo de foi desviado, nunha das poucas accións claras de perigo.
Pola súa banda Francia terminou apertando e poñendo en apertos a España, aínda que o marcador non se moveu durante os 90 minutos de tempo regulamentario.
Para a prórroga entrou ao campo Teresa Abelleira, que non fora titular, disputando todo o tempo extra, pero a centrocampista do Deportivo non puido evitar a superioridade gala no momento decisivo.
Francia adiantouse no minuto 103 por medio de Malard, o que provocou que o combinado nacional fose con todo ao ataque deixando uns espazos que aproveitou o seu rival para sentenciar con dous tantos máis de Becho. Athenea del Castillo maquillou o resultado no último minuto.
Durante a fase final, Abelleira participou desde o inicio no primeiro encontro da fase de grupos contra Bélxica (2-0), e comezou desde o banco os partidos ante Inglaterra (1-0) e Alemaña (0-0).