A Federación Española será quen decida se se homologa a pista de atletismo do CGTD

Pontevedra
07 de outubro 2015

A empresa contrutora e representantes da Secretaría Xeral para o Deporte entenden que as elevacións dunha parte da pista cumpren a normativa internacional, polo que a última palabra sobre a homolgación téñena os xuíces da federación nacional  

Estado da pista de atletismo do CGTD trala reforma
Estado da pista de atletismo do CGTD trala reforma / PontevedraViva

Continúa a incerteza entre o estamento atlético ao redor do estado da pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Tras ser renovada cun investimento de 435.000 euros o tartán presenta unha serie de elevacións en parte do percorrido, especialmente nas rúas 7 e 8 da recta principal.

A principal dúbida radica na homologación da pista para albergar probas oficiais, un punto sobre o que será definitiva a opinión dos xuíces da Federación Española de Atletismo, especialmente tralo visto e prace dos representantes da empresa constructora e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Representantes da empresa e a administración pública, titular das instalacións, visitaron nos últimos días a pista concluíndo que as ondulacións entran dentro dos parámetros permitidos na normativa internacional, polo que a última palabra terana os xuíces nacionais.

A Xunta de Galicia advertiu que non recepcionará as obras se non se consegue a homologación da pista, un escenario ante o que só quedaría "levantar todo e facer unha pista nova", segundo recoñeceu no seu momento o director do CGTD, Julio Ventín.