Luz verde á construción dunha cuberta para a bancada do CGTD e a reforma da residencia

Pontevedra
17 de novembro 2015

Dous proxectos vencellados ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) verán a luz nos próximos días. A Comisión de Urbanismo aprobou a construción dunha cuberta para a bancada da pista de atletismo e a mellora de accesibilidade da residencia de estudantes

Pista de atletismo do CGTD trala súa reforma
Pista de atletismo do CGTD trala súa reforma / PontevedraViva

Dous proxectos vencellados ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) verán a luz nos próximos días. A Comisión de Urbanismo aprobou a construción dunha cuberta para a bancada da pista de atletismo e a mellora de accesibilidade da residencia de estudantes.

A cuberta da bancada é unha vella demanda do público e máis dos propios atletas que seguen con interese as numerosas probas e competicións que alí se desenvolven ao largo de todo o ano.

A obra está valorada en 31.168,25 euros e terá un prazo máximo de execución de seis meses a contar desde o outorgamento da licenza.

Polo que respecta a mellora da accesibilidade, a actuación prevista afecta a corrección e ampliación das instalacións de sinalización e extinción de lumes e condicións de evacuación do inmoble e inclúe a instalación de portas cortalumes e a construción dunha escaleira exterior co fin de mellorar as condicións de evacuación ante unha posible emerxencia.

Esta actuación ten unha base de licitación de 223.693,63 euros.