A Federación Galega fai oficial o ascenso do Ribadumia a Terceira e do Umia, a Preferente

Pontevedra
27 de maio 2020

A crise sanitaria obriga a dar por finalizadas as ligas do fútbol galego con ascensos pero sen descensos e obrigará á Federación  Galega de Fútbol a reaxustar grupos e calendarios para a próxima tempada

Reunión telemática da Comisión Delegada da Real Federación Galega de Fútbol para dar por finalizadas as ligas galegas Federación Galega de Fútbol

É oficial, a tempada futbolística do fútbol galego está terminada. A Comisión Delegada da Real Federación Galega deu validez ás clasificacións do momento no que o estalido da pandemia do coronavirus obrigou a paralizar as competicións e outorgou os saltos de categoría á aqueles equipos que ocupaban postos de ascenso.

Nas comarcas de Pontevedra e Arousa, os principais beneficiados desta decisión, que este mércores ratificou o Comité de Competición, son Ribadumia e Umia, que dominaban os seus grupos de Preferente e Primeira Galicia respectivamente.

Os ascendidos a Terceira División son Viveiro e Fisterra, do grupo norte de Preferente; así como Ribadumia e Atios, do grupo Sur. Ademais do Umia, neste último grupo estarán o próximo curso o Caselas e o Verín.

Dado que a actual situación sanitaria impide a disputa en condicións de seguridade dos  playoff de ascenso. A Federación  Galega acordou outorgar estas prazas aos mellor clasificados de cada categoría en función do número de puntos ou criterios de deportividade tal e como establece o regulamento. Ademais, só poderá ascender un equipo por cada categoría segundo este criterio.

Con esta premisa, do grupo de Pontevedra-Vigo de Primeira Galicia, o Alertanavia é o que promociona a Preferente.

Os ascensos desde Segunda Galicia son para A Lama e San Adrián, mentres que desde Terceira División soben Monte Porreiro, Soutomaior, Catoira, Caldas e Sporting Libertad, que por ser o mellor clasificado promociona sen ter que disputar a fase de ascenso.

É preciso lembrar que, dado que as ligas terminaron de forma abrupta, a Federación Galega acordou suspender os descensos, polo que a próxima tempada algunhas ligas verán incrementado o número de participantes. Un feito que obrigará aos organizadores da competición para axustar calendarios ou, se é necesario, crear novos subgrupos.

No fútbol feminino, o SD Chispa ascende á Primeira División Galega, á que tamén promocionan Aguiño, Lugo e Tordoia. O salto desde a Primeira Galega á Segunda Nacional é para o Mos.