A fichaxe do porteiro sub 23 Viktor Nikolov desbloquea a inscrición de Jon Bakero

Pontevedra
26 de agosto 2022

O gardameta búlgaro de 21 anos procedente do Xetafe B asina un contrato por dúas tempadas co Pontevedra CF

Viktor Nikolov, nun adestramento co Xetafe Getafe CF

Nova incorporación nas filas do Pontevedra. O gardameta búlgaro Viktor Nikolov, de 21 anos, firma polo club granate por dúas tempadas.

O porteiro procede do Xetafe B, no que o pasado curso disputou 27 partidos como titular na Terceira RFEF madrileña. Antes de chegar ao cadro azulón, o búlgaro defendera as cores do Socuéllamos, Elxe e Alboraya.

No seu único ano na capital madrileña, o cérbero Viktor Nikolov realizou a pretemporada co primeiro equipo do Xetafe e exerceu durante toda a tempada como terceiro porteiro do conxunto de Primeira División. Con todo, nunca chegou a debutar en partido oficial.

No seu currículo figura tamén varias convocatorias coa selección sub 21 de Bulgaria. 

Nikolov, que chega a Pontevedra co obxectivo de disputarlle o posto baixo paus a Pablo Cacharrón e a Álvaro Cortés, destaca pola súa gran envergadura física e a súa impoñente altura, mide 188 centímetros.

A incorporación dun terceiro porteiro sub 23 á disciplina granate era necesaria para poder inscribir a Jon Bakero, posto que o Pontevedra tiña xa asignadas as 17 fichas sénior. Este ano, a RFEF permite ampliar o tamaño do persoal a 24 xogadores, sempre que tres deles sexan porteiros, sen importar que sexan sénior ou sub 23. Con esta fichaxe, a dirección deportiva aproveita esta excepción para poder contar cunha ficha sénior adicional, que é a que ocupará o atacante procedente da liga búlgara.