A final da Liga Galega espera ao Waterpolo Galaico tras vencer en Santiago (8-12)

Pontevedra
11 de maio 2015

O conxunto pontevedrés pelexará por reter o título ante o CN Coruña tras dar a volta a unha difícil semifinal ante os composteláns

Primeiro partido da semifinal polo título autonómico entre CW Galaico e CW Santiago
Primeiro partido da semifinal polo título autonómico entre CW Galaico e CW Santiago / CW Galaico Pontevedra

O Club Waterpolo Galaico Pontevedra pelexará polo seu terceiro título consecutivo na Liga Galega tras impoñerse no terceiro partido da semifinal ante o CW Santiago (8-12).

Contra todo prognóstico, tras ceder no primeiro partido da serie, os de Javi de Sáa lograron remontar cun segundo partido que se decidiu por penaltis e co terceiro en que culminaron a machada ao impoñerse de xeito máis claro.

A pesar de contar con varias baixas, o Galaico realizou un bo encontro, aguantando as acometidas iniciais dos composteláns e marcando a diferenza no segundo e terceiro cuarto.

Foi nese momento no que, cun gran traballo defensivo e parcial de 0-5, rematou por decidirse a eliminatoria.

Nos últimos minutos varias expulsións puxeron en apertos aos pontevedreses, pero solucionárono co bo facer da segunda unidade e de Raúl na portaría.

Agora o Galaico enfrontarase na final, ao mellor de tres partidos, ao campión da liga regular, en CN Coruña, co primeiro encontro o próximo sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

CW SANTIAGO (8): Viaño, Montoiro, Turnes, Mayer, Ferrer (1), Piñeiro (2), Raposo, Caamaño (2), Suárez (3), Carro, Sampaño, Campaña, Raposo.

CW GALAICO PONTEVEDRA (12): Raúl, Rober (1), Aarón (3), Rubén (2), Luis, Miguel, Ángel (1), Andrés (3), Juanjo, Iago, Bran (1), Artai (1).

Parciais: 4-3, 0-3, 0-2, 4-4.

Incidencias: Partido disputado na piscina de Santa Isabel, Santiago de Compostela.