Derrota do Waterpolo Galaico no primeiro partido da final galega ante o CN Coruña (9-17)

Pontevedra
18 de maio 2015

O próximo sábado 23 de maio os pontevedreses deberán gañar en Coruña se queren forzar o terceiro partido da final e seguir aspirando a revalidar o seu título

Javi de Sáa charla cos seus xogadores nun partido entre Waterpolo Pontevedra e Santiago
Javi de Sáa charla cos seus xogadores nun partido entre Waterpolo Pontevedra e Santiago / Diego Torrado

De novo queda sen marxe de erro. Ao igual que o sucedido en semifinais ante o CW Santiago, o Club Waterpolo Galaico Pontevedra deberá remontar a eliminatoria se quere revalidar o seu título de campión galego.

O primeiro partido da final, disputado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, decantouse de xeito claro do lado do Club Natación Coruña (9-17).

Os pontevedreses comezaron con pouca fortuna o partido encaixando cinco goles no primeiro cuarto e con fallos claros en ataque ante a meta rival.

Ademais as numerosas expulsións en contra, cinco no primeiro parcial, descentraron aos de Javi de Sáa, que non foron capaces de repoñerse e inquietar aos coruñeses.

Ao descanso chegouse cun resultado de 4-8, renda que seguiu aumentando ao regreso de vestiarios.

Agora o Galaico afrontará o 23 de maio na cidade herculina o segundo choque da serie coa necesidade de gañar se quere forzar o desempate, que tamén se xogaría en Coruña.

CW GALAICO PONTEVEDRA (9): Raúl, Rober (1), Aarón (1), Rubén, Kike, Miguel, Ángel (3), Andrés, Juanjo (2), Iago, Bran (1), Pablo (1), Artai.

CN CORUÑA (17): González, Escuredo, García (1), Quelle (1), Gato (1), Alba (2), Abuin (2), García (1), Orozco (3), Martin (1), Iglesias, Blanco (5), Carrodeaguas.

Parciais: 2-5, 2-3, 2-4, 3-5.

Incidencias: Partido disputado na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.