A Futgal fixa o 21 de febreiro como xornada para recuperar partidos aprazados en Terceira División

O Salnés
10 de febreiro 2021

O xuíz único de competición acorda a disputa de nove encontros aprazados por episodios  covid para esta data e despraza o resto de xornadas unha semana no calendario co obxectivo de non desvirtuar a competición

Partido de Liga 2020/2021 entre Arosa e Ribadumia na Lomba
Partido de Liga 2020/2021 entre Arosa e Ribadumia na Lomba

A pandemia da covid-19 está a afectar tamén ao correcto desenvolvemento do grupo galego da Terceira División. A maior parte dos equipos sufriron positivos nas súas filas que os obrigaron a gardar corentena e a aprazar os seus encontros.

Algún equipo ten ata cinco choques pendentes de xogar, o que provoca un desfasamento na competición que desvirtúa a clasificación e o espítitu competitivo deste deporte. Por iso, o xuíz único emitiu este martes unha resolución para fixar as datas para a disputa da maior parte dos partidos aprazados que inclúe a disputa de nove partidos, cinco do subgrupo A e catro do subgrupo  B, o domingo 21 de febreiro.

Esta decisión implica o desprazamento dunha semana no calendario de todas as xornadas restantes. "As xornadas  intersemanales non son suficientes para sinalar tanto partido porque mesmo coinciden participantes e complica a sinalización de partidos", xustifican desde a Federación  Galega de Fútbol. 

Son 23 os partidos aprazados, polo que o ente federativo viuse obrigado a "parar as xornadas porque de producirse novos aprazamentos estes sumaríanse aos xa existentes nun efecto bóla de neve. O obxectivo é evitar a adulteración da competición e salvagardar a integridade da mesma", remarcan.

Deste xeito, o Arosa xogará esta tarde contra o Arenteiro a domicilio o primeiro dos seus partidos aprazados. E na casa contra a UD Ourense farao o 21 de febreiro. O Ribadumia, pola súa banda, recibirá o día 17 ao Atios e o 21 visitará ao Estradense.