A Gimnástica afronta en San Sebastián a súa cuarta participación na Copa do Rei de atletismo

Pontevedra
30 de xaneiro 2015

Os pontevedreses aspiran a mellorar o quinto posto logrado a tempada pasada en Valencia nunha competición que reune aos 8 mellores clubs do ranking nacional  

Equipo da Gimnástica na Copa do Rei 2014
Equipo da Gimnástica na Copa do Rei 2014

Mellorar o quinto posto logrado hai un ano en Valencia será o obxectivo do equipo masculino da Sociedad Gimnástica na XXXIV Copa do Rei de Atletismo, que se disputará o sábado 31 de xaneiro en San Sebastián.

Será a cuarta tempada consecutiva na que o club pontevedrés tome parte na prestixiosa competición baixo teito, que reúne aos oito mellores equipos do ranking nacional e na que a súa mellor clasificación foi o cuarto lugar de 2012.

Playas Castellón, F.C.Barcelona, A.D.Marathon, Simply-Scorpio71, Tenerife Caja Canarias, Real Sociedad e Fent Cami Mislata serán os rivais da Gimnástica.

O club lerezano acode á cita cun equipo renovado en relación ao da pasada campaña, composto por: Alberto Guerrero (800 metros), Víctor Gallego (peso), Darío Costas (60 metros), Julián Ortiz (60 valos), David Martínez (3.000 metros), Mario García (triplo salto), Manuel Molinos (altura), Alberto Salcedo (200 metros), Sergio García (1.500 metros), Santi Ferrer (pértega), David Ferrer (lonxitude) e Eduardo Gallardo (400 metros).