A Gimnástica, club galego con máis representación no Nacional de campo a través

Pontevedra
03 de marzo 2016

Sete atletas do club pontevedrés foron convocados pola Federación Galega para participar no Campionato de España que se celebrará o día 13 de marzo en Calatayud

Equipo masculino de cross corto da Gimnástica no Nacional a campo de través Sociedad Gimnástica

A Federación Galega de Atletismo convocou a sete deportistas da Sociedad Gimnástica para participar no Campionato de España de campo a través que terá lugar o 13 de marzo en Calatayud.

Desta forma o club pontevedrés é a entidade galega que máis atletas achega ao equipo, polos cinco do Lucus Augusti.

No equipo de Galicia da categoría Júnior masculino está convocado Jorge Puig; Joselyn Brea e Rocío Rodríguez no Promesa Feminino; Antonio Serrat no Promesa Masculino e para a categoría Senior masculina foron chamados Rubén Diz, Iván Docampo e Akka Essaadaoui.

Entre os convocados podería causar baixa Joselyn Brea, ao ter previsto participar uns días antes no Panamericano de cros na localidade venezolana de Carballeda, cita á que acudirá representando ao equipo nacional do seu país natal, Venezuela.

En canto ao Campionato de España, a novidade este ano será o cambio de distancias equiparándose a categoría masculina e a feminina. Ambas disputaranse baixo un percorrido de 10.000 metros.