A Gimnástica participará en calidade de club convidado na primeira gran competición do ano

Pontevedra
20 de xaneiro 2023

A escuadra pontevedresa é a encargada de organizar o Campionato de España de Clubs que se celebrará na pista cuberta da Fundación Expourense o 11 de febreiro  

Integrantes dos equipos masculino e feminino da Sociedad Gimnástica
Integrantes dos equipos masculino e feminino da Sociedad Gimnástica /

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra organizará na pista cuberta da Fundación Expourense unha das primeiras competicións por equipos da tempada: O Campionato de España de Clubs Copa Joma e Copa Iberdrola que se celebrará o 11 de febreiro.

Ademais de organizar este campionato, a entidade pontevedresa terá a ocasión de competir tanto en categoría masculina, como feminina, en calidade de invitados.

Os atletas do club terán a oportunidade, por tanto, de enfrontarse aos mellores atletas e clubs do panorama nacional. En categoría masculina é un gran test de nivel de fronte ao comezo das ligas. Mentres que para as atletas será unha boa proba de nivel para verse as caras con algúns dos mellores equipos do panorama nacional.

No cadro masculino, os rivais serán entidades da talla do Playas de Castellón, FC Barcelona, Atletismo Numantino, Fent Cami Mislata, Cueva de Nerja, Real Sociedad e Unicaja. Pola súa banda, na competición feminina veranse as caras co Valencia Club de Atletismo, Playas de Castellón, FC Barcelona, Atletismo San Sebastián, Grupoempleo Pamplona, Avinent Manresa e Cueva de Nerja.

Por cada categoría competirán un total de oito clubs. Todos eles loitarán para converterse nos mellores clubs baixo teito e levantar a primeira copa colectiva da tempada do 2023.