Alfonso García consegue un bronce para a Sociedad Gimnástica no nacional de Antequera

Pontevedra
06 de febreiro 2023

O atleta conseguiu un terceiro posto en salto de altura, mentres que no campionato galego de lanzamentos a Gimnástica conseguiu tres medallas de ouro

Alfonso García, da Gimnástica, terceiro clasificado en salto de altura do campionato de España de pista cuberta
Alfonso García, da Gimnástica, terceiro clasificado en salto de altura do campionato de España de pista cuberta /

O Campionato de España sub 23 de pista cuberta celebrouse en Antequera entre o 4 e 5 de febreiro. Ata alí desprazáronse cinco atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra: Cristina Garrido, Andrea Villaverde, Carmen Vitoria González, Juan Piñeiro e Alfonso García. Este último foi capaz de conseguir unha medalla.

Alfonso García presentábase no nacional de pista cuberta na súa mellor tempada baixo teito. Conseguira en varias ocasións superarse a si mesmo e bater a súa mellor marca persoal en salto de altura. Por tanto, plantábase en Antequera como un dos favoritos. Cumpriu coas expectativas e conseguiu o seu obxectivo de subirse ao podio cun mellor intento de 2,06 metros que lle brindou o terceiro posto da clasificación.

Andrea Villaverde quedou finalista en salto de lonxitude, oitava con 5,69 metros. Nesa mesma proba, Juan Piñeiro foi undécimo con 6,79 metros.

Nas probas de velocidade, Carmen Vitoria González non conseguiu meterse na final dos 800 metros, mentres que Cristina Garrido tampouco foi capaz de clasificarse para a semifinal por un tropezón na saída.

A Gimnástica tamén celebrou éxitos a nivel autonómico esta fin de semana. En Pontevedra celebrouse no Campionato Galego de Lanzamentos Longos que se pechou cun dobrete para a entidade lerezana da man de Víctor Gallego e María Ezquerro en lanzamento de peso. O ouro saboreouno tamén Jonathan Correa en lanzamento de xavelina, disciplina na Ángeles Filgueira foi terceira. Mentres que en Martelo, Iria Filgueira conseguiu tamén un bronce.