Dobre cita nacional para os atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. O sábado 12 de febreiro celebrouse o Campionato de España de Lanzamentos Longos con tripla presenza do club pontevedrés e un día despois, sería a quenda dos tres marchadores absolutos da entidade no Campionato de España de Marcha en Ruta. O municipio catalán de Gavà e o murciano de Cieza foron as sedes.
A mellor noticia da fin de semana chegou desde Murcia, onde Antía Chamosa volveu colleitar un triunfo a nivel absoluto que a sitúa entre as mellores marchadoras españolas.
Nunha proba na que saíu de menos a máis foi mellorando postos de forma moi progresiva ata chegar á liña de meta en terceira posición. No quilómetro 25, Antía ía aproximadamente en sétima posición; pero remontou ata acabar os 35 quilómetros do percorrido en terceira posición.
Cruzou a liña de meta cun rexistro de 2:53.33, moi preto da súa mellor marca persoal. A atleta pontevedresa tan só foi superada por María Pérez e Cristina Montesinos, primeira e segunda respectivamente.
O seu irmán Daniel Chamosa sufriu varias amoestacións que lle custaron que ao seu tempo final sumásenlle o tempo do pite lane. Chegou en meta en cuarta posición, pero tras sumar o tempo de infracción colocouse sexto no cómputo total cun rexistro de 2:38.28.
María Ezquerro e Anxo Simón conseguiron dous postos de finalistas no nacional de lanzamentos na proba de disco. María, cun mellor intento de 48,32m coouse no quinto posto. Con ese rexistro bateu o récord do club (que xa posuía ela) e mellorou en ao redor de tres metros a súa marca persoal.
Pola súa banda, Manuel Anxo Simón lanzou 53.83m no seu segundo tentou e quedou oitavo clasificado. Ademais deles dous, tamén competiu Carlos Revolta en lanzamento de martelo. Cun mellor intento de 55.86m quedou noveno.