Satisfacción na Gimnástica pola organización da Copa de España de clubs

Pontevedra
14 de febreiro 2023

Os atletas da escuadra lerezana estiveron á altura dunha competición de elite ao conseguir mellorar as súas mellores marcas persoais en numerosas probas, mentres que a organización do evento celebrado en Ourense "saíu á perfección"

Atletas da Sociedad Gimnástica que participaron na Copa de España de clubs de pìsta cuberta en Ourense
Atletas da Sociedad Gimnástica que participaron na Copa de España de clubs de pìsta cuberta en Ourense /

A Copa de España de Clubs que organizou a Sociedad Gimnástica o pasado sábado no recinto cuberto da Fundación Expourense pechouse cun novo récord de España. O artífice deste éxito foi o saltador do FC Barcelona Jordan Díaz, que pulverizó cunha marca de 17,49 metros o récord de España do triplo salto. 

Os grandes triunfadores da cita foron o Valencia Atletismo, que gañou por vixésimo sétima vez a Copa Iberdrola, a competición feminina; mentres que o FC Barcelona levou o torneo masculino, a Copa Joma. Foi precisamente un corredor da escuadra catalá, Jaël Bestué, o que levou o trofeo a mellor atleta do evento pola súa actuación nos 60 metros lisos, nos que estableceu unha marca de 7:23, que lle abre a porta ao campionato de Europa. 

Na Copa Iberdrola, a atletas da Sociedad Gimnástica esforzáronse para estar á altura da elite nacional e non defraudaron. A maior parte das participantes melloraron os seus rexistros persoais, como é o caso de Eugenia Gil nos 200 ml, Sabela Castelo nos 3000 ml ou Aloia Vilas en salto de altura. 

Pola súa banda, na Copa Joma destacou o papel do ximnástico Tomás López, que forma parte do filial CA Sada. Cunha marca de 4,60 metros en salto con pértega estivo preto de bater a súa mellor marca persoal, algo que logrou o madrileño Hassan Izzedine nos 800 ml. 

Á marxe dos resultados, o evento serviu para crear afección polo atletismo nunha xornada na que os máis pequenos da canteira galega puideron compartir momentos e fotografarse cos seus referentes.

Desde o club móstranse moi orgullosos pola boa organización da competición. "Saíu á perfección, en parte, grazas ao enorme traballo dos voluntarios", agradecen desde a Sociedad Gimnástica.