A Gimnástica ponse en 'modo San Silvestre'

Pontevedra
20 de novembro 2019

O club pontevedrés comeza a preparar a gran cita deportiva coa que tradicionalmente se despide o ano na cidade. A 36ª edición do evento terá lugar o próximo 31 de decembro ás 17:00 horas con saída como é costume desde a Avenida Montero Ríos

XXXV edición da San Silvestre de Pontevedra
XXXV edición da San Silvestre de Pontevedra / PontevedraViva

Aínda falta máis dun mes para a súa celebración, pero a Sociedad Gimnástica activou o 'modo San Silvestre', e ultima estes días todos os detalles da gran festa deportiva coa que tradicionalmente se despide o ano na cidade.

O club atlético, en colaboración do Servizo Municipal de Deportes, organizará o próximo 31 de decembro a XXXVI San Silvestre de Pontevedra, un evento que para moitos se converteu na gran cita deportiva da cidade polo seu particular ambiente festivo e a súa alta participación.

Nesta ocasión, como primeiro paso, púxose á venda unha camiseta conmemorativa da proba cun logo no que aparecen as Ruínas de San Domingos como reflexo da súa icónica saída desde a Avenida Montero Ríos. Esta camiseta, de edición limitada, pódese adquirir ata esgotar existencias por un prezo de 10 euros.

Unha vez máis está previsto que a saída da San Silvestre se produza ás 17:00 horas do día 31 de decembro.

No que respecta a as inscricións, retornarán á Casa da Luz na Praza da Verdura, podendo retirarse os dorsais a partir do venres 20 de decembro (de 17:00 a 19:30 horas salvo o domingo). Este horario ampliarase desde o mércores 26 ao venres 28 e o luns 30 (de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas), mentres que o domingo 29 e o martes 31 atenderase só en horario matinal (10:00 a 13:30).