A Gimnástica reedita o título de campión galego de probas combinadas

Pontevedra
12 de xaneiro 2016

O equipo masculino proclamouse en Lugo campión de inverno nesta especialidade, mentres o equipo feminino finalizaron no terceiro chanzo do podio

Podio do Campionato Galego de Probas Combinadas en Lugo
Podio do Campionato Galego de Probas Combinadas en Lugo

Os resultados están a acompañar aos equipos da Sociedad Gimnástica no inicio da tempada.

Así o demostraron a pasada fin de semana no Estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo co seu bo papel no Campionato Galego de Inverno de Probas Combinadas, no que se proclamaron campións.

A pesar das baixas de Santiago Ferrer e Darío Costas, o equipo masculino do club pontevedrés reeditou o título logrado hai un ano grazas aos 3.971 puntos no héptatlon absoluto de Álex Solla, os 3.291 puntos en categoría cadete de Marco Martínez e os 2.048 de Pablo Tojal na mesma idade.

Pola súa banda o conxunto feminino finalizou a competición no terceiro chanzo do podio con 7.266 puntos grazas ao bo papel de Alesandra Campo, María Jiménez e Paula Martín.

Tamén se celebrou en Lugo o Campionato Galego individual de probas combinadas para as categorías de veteranos, logrando Francisco Quintáns (50-55 anos) a medalla de ouro no héptatlon.