A Sociedad Gimnástica de Pontevedra segue inmersa na planificación da próxima tempada. A escuadra pontevedresa fixo oficial este luns a incorporación de dúas novas atletas para o equipo feminino, así como a marcha doutras sete deportistas.
Co obxectivo de reforzar un dos puntos máis débiles do conxunto, chega María Ezquerro, especialista no lanzamento de disco e que xa defendera o escudo do decano en categorías inferiores. Outra incorporación é a de Lea Caride, que destaca nos 400 metros valos.
Ezquerro ten como mellores marcas persoais 44,18m en disco e 12,78m en lanzamento de peso. É a vixente campioa galega en lanzamento de disco e terceira en peso. Ademais, en 2021 quedou Subcampioa de España en categoría sub 23 en disco.
Pola súa banda, Caride provén do Ría Ferrol cunha mellor marca persoal de 1:02.11. Volveu a competir a pasada tempada unha vez que logrou deixar atrás unha lesión que freou a súa progresión durante catro tempadas.
Entre as baixas destaca a de Xainza Calvo, velocista que aprendeu nas escolas do club e que debutou esta tempada 2022 co equipo absoluto; e Xiana González, que levaba varios anos no equipo. Ademais dela, tampouco continuarán nas filas da Sociedad Gimnástica Ana Isabel Fiestras (400mv), Ana Pajarrón (400mv), Iris Vilches (400mv), Irene Barbé (400ml) e Hasna Grioui (400mv).
Esta nova tempada será tamén un novo reto para Santiago Ferrer Moreira, que será o novo director técnico do equipo feminino, tras a renuncia de Santi Ferrer Alonso por cuestións persoais. A permanencia na Primeira División seguirá sendo o principal obxectivo.