A lesión de Añón queda nun susto pero é dúbida para o desprazamento a Burgos

Pontevedra
04 de outubro 2016

As probas ás que foi sometido o xogador granate descartan que sufra unha rotura ou fisura no seu nocello provocada pola durísima entrada do xogador do Ferrol Catalá no tempo de desconto do último partido de liga. Jacobo Trigo e Portela tampouco participaron no primeiro adestramento da semana afectados de diversos problemas físicos

David Añón, durante un adestramento do Pontevedra na Seca
David Añón, durante un adestramento do Pontevedra na Seca / Mónica Patxot

A intensidade do partido do domingo ante o Racing de Ferrol deixou secuelas físicas en varios xogadores do Pontevedra, que non participaron no primeiro adestramento semanal do equipo.

O caso que máis preocupaba era o de David Añón, que terminou o choque visiblemente afectado e dolorido por unha forte entrada do racinguista Catalá no tempo de desconto, facendo temer que podía sufrir unha lesión de gravidade.

Por fortuna, as probas ás que foi sometido o centrocampista ofensivo descartan que sufra unha rotura ou fisura no seu nocello, como se temía, polo que en principio a doenza queda nunha forte contusión, que iso si lle converte en dúbida para o próximo partido de liga do equipo no campo de Burgos. A súa prensencia no Plantío dependerá da evolución que experimente nos próximos días.

Tampouco participaron na primeira sesión da semana Jacobo Trigo, afectado dunha leve escordadura de nocello, e Dani Portela, con molestias musculares. En ambos os casos espérase que poidan incorporarse ao traballo de grupo tras a xornada de descanso deste martes e estar dispoñibles para a fin de semana.