Empate sen goles para UD Ourense e Arosa no choque de ida da primeira eliminatoria polo ascenso a Segunda RFEF disputado este luns no estadio do Couto, na Cidade das Burgas.
Despois dun choque vibrante, con algunha ocasión clara e tamén con polémica, non chegou o gol e todo se decidirá na Lomba o vindeiro domingo 6 de maio (20.45 horas). O empate valeralle aos de Luisito para avanzar no play-off.
O cadro arlequinado, iso si, soubo sufrir no Couto nun encontro marcado por unha calorosa xornada, aínda que as xogadas de perigo tardaron en producirse.
Pasada a media hora de xogo Champi tivo unha clara para a UD Ourense, pero o seu disparo marchou desviado. Tamén gozou doutra opción Rojo, aguantando a presión o equipo arosista.
Superado ese momento os de Luisito tamén puideron levar o partido, sobre todo á hora de xogo cando Sylla encarou a Ramón e foi derrubado polo porteiro no límite da área. O colexiado entendeu que se dirixía cara a un costado e mostrou a amarela, cando os de Vilagarcía pedían a expulsión. O gardameta sacou despois un perigoso lanzamento de falta.
Tamén Manu Táboas estivo acertado, e mesmo a madeira axudou a que o marcardor non se movese, polo que todo queda no aire para finais desta mesma semana. Vén outro duelo de emocións fortes.