A natación artística galega retoma a súa actividade en Pontevedra

Pontevedra
02 de novembro 2020

A piscina olímpica de Ponte Muíños foi escenario o pasado sábado 31 de outubro do control de nivel das categorías alevín I e II con participación de clubs de toda Galicia

Control de nivel de natación artística na piscina olímpica de Ponte Muíños Federación Galega de Natación

A piscina olímpica de Ponte Muíños, en Pontevedra, e tamén a do Real Club Náutico de Vigo foron escenario da volta da actividade competitiva na natación artística galega.

No caso de Pontevedra, o Complexo Deportivo Rías  do Sur acolleu un control de nivel das categorías alevín I e II, benxamín e infantil onde participaron clubs de toda Galicia.

Entre os clubs participantes, ademais do Galaico Sincro e Club Sincro Pontevedra, participaron o Real Club Náutico de Vigo, Sincro Ourense, Sporting Club Casino da Coruña e Sincro Ferrol.

Estes controis de nivel supoñen un paso a superar para poder participar nos campionatos de España.

Segundo explicou tras a proba o Galaico Sincro, o club pontevedrés retomou a actividade coas súas categoría de base o pasado mes de xullo, chegando agora o fin a volta á competición tras este control de nivel e o levado a cabo o 24 de outubro en Ferrol.

Os seus próximos obxectivos, recoñecen, serán o Campionato Galego de Rutinas Júnior, a primeira xornada de liga de figuras de nivel e os campionatos de España de rutinas júnior e figuras de categorÍa infantil.