A nova promesa do TM Monte Porreiro, Emma Álvarez, seleccionada pola Federación Española para o proxecto MiniSpin

Pontevedra
27 de febreiro 2021

A nova promesa do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Emma Álvarez, foi seleccionada pola Federación Española para participar na terceira edición do proxecto  MiniSpin. O obxectivo é detectar novos talentos para que nun futuro poidan participar coa selección nacional 

Emma Álvarez, a nova promesa do TM Monte Porreiro
Emma Álvarez, a nova promesa do TM Monte Porreiro

A nova promesa do Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Emma Álvarez, foi seleccionada pola Federación Española para participar na terceira edición do proxecto MiniSpin que se está celebrando nas instalacións do Club TM Oroso (Sigüeiro) desde o día 24 ata o domingo 28 de febreiro.

Para esta concentración só foron elixidos 8 xogadores e xogadores dos clubs galegos. Todos eles están a vivir unha semana de 7 horas diarias de adestramentos, tanto técnicos como físicos, charlas técnicas e tácticas dirixidas polo adestrador vasco da selección española Gorka Fernández, e polos seleccionadores galegos Miguel Rey, Valeri Malov e Nuria Castro.

O obxectivo deste proxecto é detectar novos talentos para que nun futuro poidan participar coa selección nacional. 

Coa selección de Emma Álvarez, xa son 4 os representantes do Tenis de Mesa Monte Porreiro que foron convocados pola Federación Española para este proxecto.

Así, Emma súmase a Mariña García, Laura Forte e Daniel Baena para seguir representando á canteira do club pontevedrés, unha das mellores de Galicia.